![]()
RIANXO > Algúns concellos da comarca do Barbanza, entre eles Rianxo, celebraron o domingo a festividade de Corpus. Varias rúas do casco vello desta vila mariñeira amaneceron decoradas con alfombras florais confeccionadas polos propios veciños e que encheron de luz e cor a localidade. Noutros municipios da comarca coma Boiro e a Pobra do Caramiñal a celebración levarase a cabo o vindeiro domingo.
Veciños e forasteiros puideron desfrutar o domingo en Rianxo dunha estampa pouco habitual e que se repite tódolos anos por estas datas coa chegada da celebración do Corpus.
Durante as últimas semanas e fundamentalmente na noite do sábado ó domingo que é cando se van confeccionado as distintas alfombras e se leva máis traballo, un importante grupo de veciños participaron na elaboración dos mantos de flores que cobren as rúas da localidade.
Un esforzo en común e á vista está, que dou como resultado que varias rúas do casco antigo, entre elas a de Abaixo, a do Medio, os Loureiros, e varios tramos da Praciña e da Praza Castelao estiveran cubertas de artísticas alfombras de pétalos para honrar ó Santísimo durante a procesión que tivo lugar pola tarde.
Na elaboración das alfombras emprégouse todo tipo de material vexetal, como flores entre eles os claveis e as hortensias, ademais do mirto, a mimosa e a tulla que se usa para o recheo.
A colocación das alfombras faise despois do pintado das rúas e o perfilado dos debuxos, un labor que é imprescindible para que o resultado final sexa satisfactorio.
Para a realización das alfombras este ano en Rianxo non se empregou a sal porque nos últimos estaba deteriorando a pedra.
Redacción Barbanza








