O festival Titiriberia recalará en Rianxo entre o 22 e o 30 de decembro

RIANXO> Rianxo acollerá entre o 22 e o 30 de decembro o festival de títeres tradicionais Titiriberia. Nove compañías levarán os seus espectáculos a diferentes espazos do municipio rianxeiro co obxectivo de achegar a cultura ó rural. A mostra está organizada pola asociación ‘Morreu o Demo’ e patrocinada polo concello rianxeiro e a Deputación da Coruña.

O auditorio municipal, a casa da cultura do Cuartel Vello pero tamén os soportais da praza Castelao e os centros socioculturais das parroquias serán escenario dunha ducia de funcións a cargo das máis destacadas compañías galegas de títeres que participan no Festival Tititiberia que entre o 22 e o 30 recalará no municipio rianxeiro.

Ademais das funcións, o programa da Mostra inclúe diversas mesas redondas, obradoiros e exposicións.O festival conta co apoio do concello de Rianxo e da Deputación da Coruña que aposta por seguir a promover a cultura nun ano difícil para as artes escénicas.

Ademais da organización do festival que acada xa a súa cuarta edición, a asociación Morreu O Demo puxo en marcha o proxecto ‘Da Barraca á Aula’ para divulgar a tradición dos títeres entre os escolares.

Para chegar ó maior público posible, a asociación Morreu o Demo publicará a gravación de tódalas funcións na súa canle de Youtube.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí