Costas aportará nove mil metros cúbicos de area á praia de Barrraña

    barraa_100_190606.jpgBOIRO > O Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitou  Boiro para interesarse por varias actuacións que ten en marcha o Ministerio de Medio Ambiente na localidade. Acompañado polo alcalde, Xosé Deira, e o concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, visitou o areal de Barraña, onde Costas pretende realizar, como fixera o pasado verán, un aporte de area de máis de nove mil metros cúbicos nas zonas máis degradadas do areal.

    Segundo confirmou o propio Xefe da Demarcación de Costas as obras de acondicionamento da praia de Barraña, naquelas áreas máis degradadas iniciarase nos próximos días, co esparcemento de nove mil metros cúbicos de area para tapa-las abundantes pedras existentes na praia. Esta será unha actuación semellante á realizada xa o pasado verán.barraa_300_190606.jpg

    Rafael Eimil sinalou que este será un pequeno parche a un problema que vén xa de hai moito tempo e que se verá dunha vez por todas solucionado co inicio das obras de rexeneración do areal.

    A Demarcación de Costas do Estado ten previsto financiar un plan de mellora integral de todo o litoral boirés. Así mesmo, o Ministerio de Medio Ambiente prevé entre outras actuacións neste concello a construción do paseo marítimo de Escarabote e a rexeneración das praias de Peralto e Ribeira Grande, así como tamén o paseo marítimo do río Coroño.

    Redacción Barbanza