O BNG de Boiro denuncia o deficiente servizo de recollida de lixo no municipio

    BOIRO> Entre outros aspectos critican o feito de que o servizo non se realice a diario ou a falla de limpeza que presentan os contedores. Segundo eles, o problema non é só exclusivo ó casco urbano, senón que se dá tamén nas diferentes parroquias. Para os membros do BNG o servizo de recollida de lixo no municipio presenta actualmente numerosas eivas. Os nacionalistas denuncian que o servizo non se realiza a diario, causando graves prexuízos ós veciños, tanto pola imaxe que presentan os colectores, con numeroso lixo acumulado ó seu carón, como polo propio cheiro que isto xera. A este feito haille que sumar segundo eles a falla de limpeza que presentan os colectores pola súa falla de mantemento. Dende as filas nacionalistas denuncian ademais que estas carencias non deixaron de producirse a pesar do incremento importante na taxa do lixo que cada veciño tivo que afrontar debido á suba do canon de Sogama, un sistema de xestión, por outra banda, co que para nada están de acordo.