RIBEIRA > Preto de trescentas persoas asistiron á manifestación organizada polos veciños de Olveira para esixir o mantemento das pasarelas de madeira sobre as dunas de Corrubedo. Esta medida supón un importante incremento da distancia para acceder á praia o que prexudica tanto ós habitantes da zona como ós turistas que teñen que percorrer preto de tres quilómetros ata chegar ó areal.
Ó grito de ‘Isto é un atropelo’, os veciños da parroquia ribeiresa de Olveira esixiron á Consellería de Medio Ambiente que proceda á recolocación de varias sendas peonís que percorren o complexo dunar de Corrubedo. Máis de trescentas persoas asistiron á convocatoria co fin de facerlle chegar o seu malestar á Consellería de Medio Ambiente posto que a retirada das pasarelas impide ó acceso directo á praia obrigando a realizar un percorrido mínimo de tres quilómetros de distancia.
Chegando incluso a solicitar a demisión dos responsables da consellería, ós que dedicaron calificativos como ‘prepotentes e dictadores’ os afectados pretenden que se volvan a instalar as pasarelas evitando así os prexuízos oara os residentes na zona e mesmo para o sector turístico.
Os veciños comparten coa Xunta de Galicia a necesidade de protexer e conservar o entorno natural do parque pero critican a súa forma de actuar unilateralmente sen tentar consensuar a actuación cos usuarios das sendas peonís nin comunicarlle tan sequera a súa retirada.Por esta razón non descartan continuar coas súas protestas ata ser escoitados.
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente sostén que soamente se procedeu á retirada do tramo que discurría por riba da duna posto que estaba a xerar importantes danos ó ecosistema. A súa intención e colocar unha nova pasarela que bordee a duna, en lugar de atravesala reducindo considerablemente o impacto ambiental. A actuación forma parte dun plan de protección establecido polo Ministerio de Medio Ambiente.
Redacción Barbanza