As conserveiras anuncian peche patronal para a semana na que se convocou a segunda folga no sector

RÍAS BAIXAS> As conserveiras anuncian un peche patronal para a mesma semana na que se convocou a segunda folga no sector. A patronal xustifica esta medida na súa vontade, di, de preserva-la integridade física dos traballadores do sector. Piden aos sindicatos moderación e que cancelen ‘de inmediato’ as súas protestas.

As conserveiras responden ás novas mobilizacións no sector cun anuncio de peche patronal para toda a semana do 14 de marzo. Fano, trala convocatoria de novas protestas por parte dos traballadores. Este sábado vai haber unha manifestación en Boiro e para esa semana de marzo, convocouse folga para os días 14, 16 e 18.

Nun comunicado, FEICOPESCA asegura que esta decisión provén de varias circunstancias. A primeira, di, ‘a firme vontade de preserva-la integridade física de tódalas persoas traballadoras do sector, logo dos incidenetes ocorridos durante as últimas xornadas de folga’.

Nese mesmo documento aseguran que a comezos deste mes propuxeron un incremento salarial do 7,5%. Lametan que os sindicatos convocasen os novos paros para marzo sen, ó seu parecer, oportunidade previa de negociación.

Agardan que a negociación poida resolverse antes dese anunciado peche patronal, sen maiores repercusións económicas, din, para o sector.

Ademais, apuntan a que o peche patronal que poñen sobre a mesa suporía un duro impacto, ó tratarse dunha semana completa de suspensión de contratos. Así e todo, reiteran a súa contade de diálogo e pídenlle moderación ós sindicatos, facendo un chamamento a que cancelen de inmediato as súas mobilizacións.