O prezo da sardiña mantense ante a chegada do San Xoán

    sardias_100_220606.jpgBARBANZA > Mañá pola noite celébrarase en toda a comarca do Barbanza a noite de San Xoán, coas tradicionais fogueiras, nun ritual que lle dá a benvida ó verán, sendo ademais a noite máis curta do ano. Unha noite máxica e chea de simbolismos que dá o seu nome popular ó mes de xuño e que vén marcada este ano de novo polas advertencias dos concellos e os grupos ecoloxistas, ante o perigo de posibles incendios que se poidan ocasionar.

    Esta noite máxica, que se vén celebrando dende hai séculos co gallo do solsticio de verán, desenvólvese nos catro concellos da comarca dun xeito similar, na maioría dos casos promovida polas distintas asociacións ou veciños en xeral, que se xuntan para pasar un momento especial.

    Nesta noite o principal é facer unha gran fogueira, que se instala en diferentes lugares de cada concello. Habitualmente, repítense os emprazamentos ano tras ano, aínda que non sempre é así.

    Xunto ás fogueiras, degústase viño e sardiñas, que están na súa mellor época, pois como di o refrán, no San Xoán, a sardiña molla o pan.

    E resulta que este ano, o prezo deste peixe no mercado experimentou unha baixada considerable, lonxe de valores case prohibitivos, doutros anos, debido especialmente á súa escaseza. praceira_200_220606.jpg

    Como non podía ser doutro xeito a carne cada vez máis tamén está presente tamén nas cacharelas, sendo o churrasco e os criollos habituais nestas festas.

    Como en anos anteriores os concellos e distintas asociacións ecoloxistas veñen de facer tamén un chamamento a tódolos veciños para que se cumpran unhas normas e unhas recomendacións que impidan a proliferación dos lumes.

    Entre estas figuran posuir un permiso municipal, que cada fogueira conte cun responsable e que o lume se faga lonxe de vexetación.

    Ademais a Consellería do Medio Rural fai un chamamento tamén á cidadanía para que tome precaucións á hora de facer as tradicionais fogueiras destaa noite de San Xoán xa que, segundo datos estatísticos, durante os días 23 e 24 de xuño tódolos anos se produce un repunte do número de lumes rexistrados no territorio galego. Ante esta situación o departamento de Medio Rural lémbralles a todas aquelas persoas interesadas en realizar esta práctica que aínda dispoñen dun día de prazo para pedi-los correspondentes permisos no seu concello, xa que desde comezos deste mes a Dirección Xeral de Montes non autoriza ningún tipo de queima.

    Redacción Barbanza