Hostaleiros, veciños e concello de Boior buscan o consenso para minimizar as molestias da movida

    bares_100_220606.jpgBOIRO > O concello de Boiro e os hostaleiros seguen a negociar posibles medidas para o control da movida nocturna. A última proposta, xurdida dende o colectivo empresarial, consiste na instalación de cámaras de videovixilancia nas rúas máis conflitivas para evitar os posibles actos vandálicos.

    O tripartito amosou moito interese ante a proposta formulada polos hostaleiros xa que axudaría a controlar as aglomeracións de xente que habitualmente se concentra no exterior dos locais nocturnos. O goberno municipal estudiará a instalación das cámaras de video pero sempre e cando os hostaleiros cumpran os horarios de peche e a normativa de ruídos.

    Pola contra, os empresarios non están de acordo coa instalación de sonógrafos limitadores de ruído nos seus locais por considerar que estes dispositivos constitúen unha violación da intimidade, ó permitir a detección de calquera movemento no seu interior. Sen embargo, o executivo considera que é preciso levar a cabo esta medida para que a policía poida controlar cada establecemento sen necesidad e de desprazarse ata cada un deles.bar_200_220606.jpg

    O representante dos hostaleiros boireses considera que actualmente se están a dar os pasos para acadar unha normativa consensada entre concello, empresarios e veciños afectados. Precisamente os veciños residentes no entorno da movida consideran insuficientes as medidas contempladas na ordenanza aprobada polo executivo municipal. Dende a Plataforma Veciñal Convivencia vaise recurrir a outras administracións como a Consellería de Medio Ambiente ou o Valedor do Pobo para declarar a zona acústicamente saturada.

    Os veciños consideran positiva a instalación de cámaras de vixilancia e os sonógrafos pero pensan que non será suficiente para acabar cos problemas derivados da movida. Ó seu entender é preciso limitar a concesión de licenzas de establecementos nocturnos nun espazo reducido aumentando a separación entre este tipo de locais.

    A Plataforma Veciñal Convivencia é consciente de que a movida nocturna ten que seguir a desenvolverse en Boiro pero sempre dentro dun marco regulado e respectando os intereses de tódolos afectados.

    Redacción Barbanza