A FEB recoñecerá a traxectoria profesional do carpinteiro ribeirés Domingo Ayaso

    BARBANZA > A Federación de Empresarios do Barbanza vén de dar a coñece-la lista das empresas agraciadas este ano cos premios Dolmen de Ouro que cada ano concede a patronal comarcal. Entre os premiados destaca o ribeirés Domingo Ayaso Oujo, profesional dedicado ó sector da carpintería de dornas, que será recoñecido ó seu labor de toda unha vida. A gala este ano terá lugar no concello de Mazaricos o vindeiro 1 de setembro.

    A Federación de Empresarios do Barbanza vén de dar a coñece-la identidade dalgunhas das empresas e profesionais da comarca que serán agraciados este ano cun Dolmen de Ouro. Sen dúbida un dos galardóns máis importantes, o que recoñece a traxectoria dun industrial durante toda unha vida, foille concedido nesta ocasión ó ribeirés Domingo Ayaso Oujo, que desenvolve o seu traballo no sector da carpintería de dornas.

    Outro dos Dolmen de Ouro de ámbito comarcal irá a parar ás mans do xoieiro noiés Luis Blanco Maneiro, que recibirá o premio á mellor iniciativa empresarial.

    Pola súa parte a empresa Quercus Mobiliario será a  galardoada este ano polo uso da lingua galega.

    No que respecta ós Dolmen de Ouro que concede cada patronal local as empresas elixiddas foron Electrovidal en Ribeira, Instalacións Herfer na Pobra, Restaurante Arume en Boiro, Panadería Soto en Rianxo, Hotel O Noso en Porto do Son, Cerraxería Kiko en Noia, Talleres Sánchez Brea en Outes, Talleres Rama en Muros, Ferralla Os Remedios en Carnota e Librería Sar en Padrón.

    Polo Centro Empresarial da Construcción do Barbanza a empresa seleccionada foi nesta ocasión Serinfra.

    A relación de persoas e empresas que recibirán un dos dezaseis Dolmen de Ouro que se entregarán o vindeiro 1 de setembro en Mazaricos, nunha gala que se desenvolverá no pavillón polideportivo da Picota, aínda non está completa. Así a Asociación anfitriona, a de Mazaricos aínda non dou a coñece-la identidade da empresa que vai ser distinguida este ano, estando previsto que os socios desta patronal celebren unha reunión o próximo sábado para tomar esta decisión.Tamén está por decidir en quen recaerá este ano un dos principais premios que outorga a FEB, que non é outro que a súa cuarta medalla de ouro. A identidade do galardoado deste ano está previsto que se coñeza nos próximos días.

    Redacción Barbanza