RIBEIRA> O concello de Ribeira e Viaqua promoven unha campaña para o consumo responsable de auga. As recomendacións para o consumo doméstico van acompañadas doutras medidas por parte da administración como limitar os regos e baldeos que xa están a obter bos resultados.
A campaña de consumo responsable de auga, promovida por Viaqua e o concello de Ribeira, xa está a dar os seus froitos. Os rexistros amosan unha contención no gasto deste recurso grazas, en gran medida, á colaboración cidadá . As recomendacións son moi sinxelas e poden marcar a diferenza para evitar futuras restricións.
Ademais desta guía de boas prácticas a nivel doméstico, a administración adoptou tamén unha serie de medidas como a redución de regos e baldeos durante a tempada estival. Tamén Viaqua está a realizar unha inspección da rede para corrixir posibles fugas ou avarías e monitotizar o consumo en tempo real.
A pesar dos bos resultados dende o concello de Ribeira animan a non baixar a garda. Lembran que na época estival duplícase a demanda de consumo na rede de abastecemento debido ó aumento poboacional. Tamén a situación do municipio na liña de subministro, posto que depende da captación de Padrón, pode ter consecuencias moi negativas no caso dun sinistro que afecte á rede xeral.











