O PSOE ribeirés critica a ‘deixadez’ do executivo nos deslindes de Palmeira

    RIBEIRA > As zonas de servidume de protección nos deslindes costeiros de Palmeira seguen a ser motivo de enfrontamentos entre o goberno municipal e o PSOE. O voceiro socialista compareceu ante os medios de comunicación acusando ó executivo de ocultar información ó asegurar que non lle foran comunicados os deslindes de Costas. Segundo os socialistas, o concello recibiu un informe do mantemento dos cen metros de protección no ano 2002, meses antes da aprobación do PXOM.

    psoeribeira_300_260606.jpgOs socialistas sosteñen que a actuación do goberno municipal nos deslindes da zona Norte de Palmeira non se debeu ó descoñecemento senón a un caso de abandono das súas funcións. Segundo explicou o voceiro do PSOE, Xosé Vicente Domínguez, Costas notificou ó concello ribeirés a modificación dos deslindes de todo o municipio no ano 2002 cando se produciron as alegacións á zona de servidume dos 20 metros nos Arieros sen ter en conta a zona Norte, dende Carreiros ata o límite co concello da Pobra.Non foi ata abril de 2004 cando o executivo iniciou un proceso contencioso-administrativo ó mesmo tempo que se lle remitiu á documentación precisa á Dirección Xeral de Urbanismo en novembro de 2005 para declarar esa zona como núcleo urbano consolidado antes de 1988. Polo momento, a administración autonómica aínda non se pronunciou a este respecto posto que, segundo os socialistas, é necesario o aporte de toda a documentación precisa como facturas, recibos catastrais ou rexistros da propiedade que demostre a existencia de vivendas na zona antes do 88. Sen embago, o executivo insiste en que xa foron remitidos tódolos informes necesarios e é a Xunta de Galicia a que se ten que pronunciar agora.

    No caso dos Arieiros, a modificación da servidume de protección ata os 20 metros está pendente unicamente dun formalismo posto que os informes de Urbanismo e Pesca establecen que podería considerarse como núcleo urbano consolidado polo que soamente resta a resolución da Demarcación de Costas. 

    Lonxe de entrar en máis polémica, a intención do executivo é achegar posturas co obxectivo de defender os intereses dos cidadáns de Palmeira en lugar de xerar desconfianza entre a poboación. O goberno municipal considera que xa se deron tódolos pasos para solucionar esta problemática e agora son os organismos competentes os que se teñen que pronunciar.

    Redacción Babanza