Os vendedores do mercadiño ribeirés pagan as taxas máis caras de Galicia

    RIBEIRA > A Asociación Profesional do comercio ambulante e prazas de abastos de Galicia vén de denunciar que o concello de Ribeira está a cobrar as taxas máis caras de toda Galicia pola instalación do mercadiño na zona portuaria. Segundo os vendedores, o goberno local informoulles de que unha parte do imposto era para facer fronte ás taxas impostas por Portos de Galicia cando agora sae á luz que esa contía ía integramente para a administración municipal.

    mercadio_100_260606.jpgCada un dos vendedores ambulantes que, cada sábado, instala o seu posto no mercadiño ribeirés debe aboar 60’71 euros anuais polo carné municipal de venda que, multiplicados polos 305 vendedores que traballan alí na actualidade supón un ingreso de 18 mil 500 euros sumados ós 115 mil euros que o concello recada. Estas taxas son, segundo a asociación profesional do comercio ambulante de Galicia, as máis caras de toda a comunidade autónoma. O concello sostén que se están a cobrar as contías establecidas e que, en ningún momento, se informou de que unha parte delas fose destinada a pagar a portos de Galicia pola ocupación do recheo.

    Ademais do elevado prezo das taxas, os vendedores do mercadiño denuncian que o goberno municipal non está a cumprir co seu deber xa que non se fai cargo dos servizos que deberían cubrir eses pagos, a pesar de levar moitos anos ingresando importantes partidas económicas.

    Redacción Barbanza