POBRA> A Valedora do Pobo vén de dar a razón ós veciños da rúa Rafael Calleja da Pobra ante as queixas polos ruídos procedentes de varios locais de hostalería. Este organismo insta ó concello a realizar as comprobacións sobre as licenzas dos establecementos e os horarios de peche. Os veciños da rúa Rafael Calleja da Pobra levan tempo convivindo cos ruídos durante a fin de semana. Denuncian que dous locais de ocio nocturno funcionan como pubs a pesar de ter licenza de café bar polo que incumpren tanto a normativa de ruídos como os horarios de peche. Tras contratar unha empresa para realizar as medicións sonométricas que certificaron o exceso de decibelios, os veciños decidiron recorrer á Valedoa do Pobo. Esta vén de darlles a razón cun escrito no que recomenda ó goberno local que comprobe o cumprimento da normativa e proceda a sancionar de ser o caso. Medidas que o concello xa ten adoptado coas frecuentes visitas da policía local para levantar acta do acontecido. A intención do executivo é poñer fin a estas situacións coa instalación de sonómetros nos propios locais, unha medida que tentará consensuar coa hostalería da vila. Tamén ten previsto elaborar unha ordenanza para delimitar as zonas máis sensibles ó ruído á hora de outorgar licenzas para este tipo de negocios.
Inicio BARBANZA