Novo paso adiante para consensua-la ordenanza contra ruídos

    BOIRO > O executivo boirés mantivo unha xuntanza con representantes da ABE, do sector da hostalería e da Plataforma Cidadá Convivencia co fin de analizar diversos aspectos da movida nocturna.

    O alcalde de Boiro, Xosé Deira, sinalou que este tipo de xuntanzas véñense realizando habitualmente nos últimos meses. A problemática que representa a gran afluencia de xente a Boiro, sobre todo nas fins de semana e as concentracións que se forman en determinadas zonas do casco urbano, onde son numerosos os establecementos hostaleiros, véxase o caso da rúa Principal ou a Praza da Mancomunidade, fan pensar ó executivo na necesidade de crear unha normativa reguladora máis local e centrada basicamente nas noites de movida.

    A intención do goberno boirés é tratar de chegar a un consenso entre tódalas partes implicadas e así elaborar unha ordenanza definitiva, cun compromiso claro de aplicación para permitir conxuga-la diversión nocturna duns co dereito ó descanso doutros.

    Para o alcalde, ó tratarse dunha ordenanza que regule a contaminación acústica, a medida non implica única e exclusivamente a un sector, neste caso o hostaleiro senón tamén a outras actividades que tamén son suceptibles de perturba-la normal convivencia social como poden ser industrias, comercios e servizos ou tráfico. Por esta razón considera que non será unha solución sinxela.

    O edil de Urbanismo, Xoán León, fixo referencia ós acordos ós que se chegaron por tódalas partes na xuntanza mantida onte e que facían referencia basicamente a tres aspectos: a insonorización dos locais, a regulación da ubicación das discotecas e os incumprimentos da normativa.

    No que se refire ós controis de insonorización dos locais Xoán León sinalou que a partir de agora serán máis exhaustivos, grazas tamén á contratación dun enxeñeiro.

    Outro dos acordos ós que se chegou na reunión foi a necesidade de regula-la instalación de discotecas. Segundo o edil de Urbanismo a partir de agora estes locais non poderán habilitarse en baixos con vivendas enriba ou adosadas.

    Por último outro dos acordos foi que aqueles establecementos que incumpran a normativa, ademais dunha sanción á terceira infracción serán propostos para peche.

    A intención do executivo é volver a manter unha xuntanza con tódalas partes implicadas nun prazo máximo de 15 días, na que está previsto abordar outros temas como é o caso do distanciamento entre locais ou a instalación de sonógrafos e cámaras de vixilancia.

    Redacción Barbanza