Oposición e veciños piden á Xunta a paralización definitiva das obras de Barosa

    BARRO > Os grupos da oposición de Barro insisten na ilegalidade das obras que se realizaron no entorno do río Barosa neste concello. Aplauden a paralización provisional dictaminada por Augas de Galicia e esperan que interrompa definitivamente un proxecto que cualifican de barbaridade ecolóxica

    A oposición de Barro e un grupo de veciños afectados insisten nunha serie de irregularidades no chamado proxecto de mellora do entorno de Barosa e prevención de inundacións. Falan de informes falsos, de ocupación ilegal de terreos privados e aseguran que incluso non hai un contrato con ningunha empresa anque as obras estean materializadas. Tamén din que se fixo unha licitación en base a un escrito de subvencionalidade do Proder viciado, xa que non conta cos informes preceptivos das outras administracións e polo tanto non hai cartos concedidos para esta obra.

    Denuncian actitudes ameazantes por parte do alcalde, José Antonio Landín, xa non só cos representantes da oposición, senón tamén cos propios veciños afectados. Un deles é Adonis Buceta, a quen lle expropiaron máis de tres mil metros preto da súa vivenda e xa lle destruíron as súas plantacións. Coma el está unha decena de propietarios. Oposición e veciños aplauden a paralización provisional dictaminada por Augas de Galicia a pasada semana e confían en que a nova Xunta interrompa definitivamente unhas obras que din están a destruír este entorno natural.

    Redacción Salnés