Ribeira reforza a pavimentación viaria e a rede de alumeado municipal

RIBEIRA> O concello de Ribeira fixo balance das numerosas actuacións de mantemento en materia de pavimentación e alumeado que se viñeron acometendo nos últimos meses. A contía destinada a estas obras menores, acometidas principalmente pola brigada de obras, superou os cen mil euros.

A sucesión de borrascas do pasado inverno provocou un importante deterioro dalgunhas infraestruturas públicas, principalmente camiños e estradas así como problemas na rede de alumeado. O concello de Ribeira fixo balance dos traballos de mantemento acometidos, principalmente en materia de pavimentación e limpeza de cunetas para garantir o bo estado da rede viaria.

Procedeuse tamén á reparación do empedrado de numerosas rúas así como o mantemento dos aparcadoiros municipais. Actuouse ademais na contorna dos ríos coa retirade de maleza e árbores tanto no cauce do Arlés como do Listres. A concelleira de Obras deu conta ademais dunha serie de melloras acometidas nos colexios para solventar incidencias eléctricas ou a obstrución de canalóns así como arranxo e reposición de mobiliario urbano en diversas parroquias.

En materia de alumado, procedeuse á reposición dos puntos de luz danados durante os temporais e reforzouse a contorna dos parques infantís. Unha das zonas nas que se está a actuar é a Praza dos Estudantes.

O concelleiro responsable lembrou que o termo municipal conta con máis de oito mil puntos de luz, o que evidencia o importante traballo de mantemento realizado pola empresa adxudicataria do servizo.