Os carniceiros de Cambados piden que non se peche o matadoiro de San Tomé

    matadoirocambados_100_280606.jpgCAMBADOS > O Concello de Cambados presentou un recurso ante a Consellería de Sanidade para evitar que ordene o peche definitivo do matadoiro de San Tomé. A Asociación de Carniceiros de Cambados denuncia que son moitos os matadoiros da provincia con carencias e deficiencias, pero que Sanidade toma o de Cambados como ‘cabeza de turco’, impedindo traballar ós 40 profesionais do sector que o utilizan.

    laureanomatodoiro_200_290606.jpgEn base a un regulamento europeo, o Concello esixe unha prórroga de 18 meses da que xa se cumpriron 6 para que os carniceiros cambadeses poidan seguir exercendo a súa actividade mentres se constrúe o novo en Sete Pías, onde comezarán as obras a mediados do vindeiro mes de xullo. Sen embargo a Consellería de Sanidade xa notificou a varios carniceiros e ó veterinario que mañá quedará paralizada a actividade no matadoiro de San Tomé. A Asociación de Carniceiros de Cambados denuncian presións políticas e empresariais que propiciarán que o sector cárnico se torne nun monopolio. Critican que outros matadoiros contan con carencias e deficiencias gravísimas que atentan contra a saúde pública e que eles recolleron en fotografías por toda a provincia, pero que a administración só centrou a súa loita no de San Tomé.

    As irregularidades que denuncian noutros matadoiros remóntanse a hai anos, cando, por exemplo, os veciños de Fontecarmoa denunciaran ante as nosas cámaras en xullo de 2004 que a rede de saneamento de dúas vivendas se vía afectada polos restos de vísceras. O peche definitivo (que se fará efectivo esta semana)derivará en cuantiosas perdas económicas para todo un sector, que terá que desprazar ás reses a Pontevedra ou Vilagarcía para ser sacrificadas.

    Ademais da perda de tempo, suporá uns 50 euros por becerro. No caso de que Sanidade non rectifique, os carniceiros cambadeses terán que agardar alomenos un ano para o remate das obras do novo matadoiro de Sete Pías, polo que o sector sufrirá as consecuencias dunha medida da administración autonómica que consideran moi ríxida con eles e permisiva coas outras instalacións. Para o novo matadoiro contan cun orzamento de 1.500.000 euros que os empeñará por mor da paralización da actividade no actual matadoiro.

    Redacción Salnés