Sanidade desoe ós carniceiros e pecha o matadoiro de Cambados

    CAMBADOS > O matadoiro de Cambados foi clausurado xa segundo unha orde da delegación en Pontevedra da Consellería de Sanidade. A administración autonómica desoe así ás críticas da Asociación de carniceiros cambadeses e ó propio concello, que xa anunciou que recurrirá a decisión de Sanidade e que solicitará que se reabran as instalacións ata que se coñeza o resultado do recurso.

    matadoirocambados_300_300606.jpgA primeira hora da mañá do venres as instalacións do matadoiro cambadés, ubicado en San Tomé, comezaba a xornada como un día normal, alleos á decisión adoptada pola Consellería de Sanidade de clausurar estas instalacións. Os propios empregados descoñecían a orde da administración autonómica. Os carniceiros cambadeses denuncian a persecución política e empresarial á que se ven sometidos.

    O colectivo consideran inxusto que se lles esixan todo tipo de medidas que incumpren os matadoiros de toda a provincia, e así o testemuñan as fotografías que tomaron en diferentes instalacións de Pontevedra. Argumentan que hai un centro que verte directamente sen depurar as súas augas ó Río Rons ou outros que almacenan as vísceras sen ter coidado algún.

    Os carniceiros cambadeses presentaron un proxecto para trasladar o centro a Sete Pías, onde investirán preto de 1 millón e medio de euros. Solicitaron que a administración fose persimiva coa actividade en San Tomé mentres non rematen as obras en Sete Pías do novo matadoiro, que comezarán en xullo e se prolongarán por un ano. Sen embargo, tódalas súas peticións caeron en saco roto e o centro actual permanece dende o mediodía do venres clausurado. O concello de Cambados xa confirmou que recurrirá a orde de Sanidade e que pedirá que permitan a reanudación da actividade en San Tomé ata que se coñeza o resultado do recurso.

    Redacción Salnés