RIBEIRA > O concello de Ribeira albergará o primeiro centro de atención a enfermos de alzheimer de toda a comarca do Barbanza. Actualmente, estase a traballar no acondicionamento das instalacións, que se ubicarán no malecón ribeirés, e na formación de persoal especializado. Unha vez finalizadas as obras, abrirase un prazo oficial para a inscrición dos pacientes.
A colaboración entre a Consellería de Vicepresidencia e Benestar Social, a Federación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer e a entidade financieira Caixa Galicia fará posible a apertura deste centro que dará servizo a un total de cen usuarios. As instalacións ubicaranse nun edificio situado na Avenida do Malecón e na actualidade estanse a realizar as últimas reformas previas á súa inauguración, que terá lugar ó longo deste ano.
Así mesmo, a Xunta de Galicia está a traballar na formación de persoal especializado que brindará servizos de atención tanto ós enfermos como ás súas familias. Os coidadores desenvolverán actividades terapéuticas tanto no centro coma nos propios fogares dos enfermos. O programa de atención contempla tamén a realización de programas formativos e outras actividades lúdicas.
O novo servizo ribeirés forma parte da Rede Galega de Centros de Enfermos de Alzheimer na que se integrarán un total de once centros, sete nas principais cidades galegas e os catro restantes en Monforte, Porriño, Moaña e Ribeira. Decidiuse ampliar a estes catro concellos posto que contan con activas asociacións de enfermos mentais.
Estes once centros servirán como experiencia pioneira e, en función dos resultados acadados, Vicepresidencia ten previsto extender a rede a outros municipios galegos.
Redacción Barbanza