Residentes en Abesadas e Cubeliños constitúen unha nova plataforma veciñal

    RIBEIRA > Nace en Ribeira un novo colectivo veciñal que ten por obxectivo conquerir unha mellora integral para os barrios das Abesadas e Cubeliños. Os residentes nestas zonas de recente construción veñen denunciando dende hai tempo a falla de servizos básicos e as importantes deficiencias que presenta este entorno sen que, ate o de agora, foran escoitados polo concello. A través desta nova asociación, os afectados agardan que as súas queixas teñan maior repercusión no ámbito municipal.

    abesadas_200_070706.jpgArredor de cincuenta persoas integran esta asociación que nace para sacar á luz moitas queixas e reivindicacións, ata agora desoídas polo concello. Entre as principais, figura a falla de limpeza da zona que presenta un estado moi descoidado coa frecuente presenza de lixo e residuos esparcidos polo chan. Esta situación agrávase se temos en conta a inexistencia de contedores de lixo para plásticos ou vidros, o que impide a axeitada xestión de residuos. Outras das demandas dos afectados refírense á necesidade de denominación das rúas e a numeración dos edificios así como á reparación nas deficiencias da liña telefónica e a sinal televisiva.

    A asociación, que acaba de comezar a andar, xa deu os primeiros pasos de cara á consecución desta melloras e nos próximos días celebrará unha xuntanza informativa para dar a coñece-lo seu proxecto e animar ó maior número de veciños a unirse ó colectivo.

    Con esta iniciativa, os veciños das Abesadas e Cubeliños agardan conquerir importantes melloras nestas zonas ó mesmo tempo que se contribúe á dinamización social dos barrios.

    Neste sentido, solicitan a colaboración do concello nos seus proxectos posto que ata o momento a maior parte das súas reivindicacións foron desoídas polo executivo. Sen embargo, tralas últimas protestas protagonizadas polos veciños, o goberno municipal iniciou unha serie de actuacións de mellora.

    Os membros do colectivo agardan que se manteña unha liña de colaboración co concello para evitar que os barrios volvan caer no estado de abandono no que se atopaban ata o de agora.

    Redacción Barbanza