![]()
RIBEIRA > Novo tráxico suceso nas estradas barbanzáns onde tres mozos perderon a vida nun accidente acontecido na madrugada do venres na estrada AC-550 á altura de Oleiros, preto do hospital comarcal. Tanto o conductor como a moza que ía de copiloto perderon a vida no acto e unha terceira ocupante falecía horas despois no hospital. A única sobrevivinte, unha veciña de Caamaño de dezasete anos, soamente sufriu feridas leves.
A parroquia de Xuño, en Porto do Son, chora aínda a morte de tres dos seus veciños, Juan Rafael Santos, de 28 anos, Elisabeth Calvo, de 18 e Leticia Hermo tamén de dezaoito anos de idade. O accidente tivo lugar na madrugada do venres ó sábado, arredor das cinco da mañá, cando os catro mozos viaxaban nun Renault Megane, matrícula 1586 – DFY, procedentes de Ribeira onde permaneceran unhas horas na movida nocturna. Ó parecer, o conductor perdeu o control de vehículo nunha curva perigosa saíndose da vida. O coche deu varias voltas de campá ata que impactou cun poste eléctrico que quedou practicamente esnaquizado.
O conductor e a copiloto faleceron no acto mentres que as dúas ocupantes dos asentos traseiros saíron despedidas a causa do impacto posto que non levaban posto o cinto de seguridade. Unha delas foi trasladada ó hospital nunha ambulancia do 061 pero pouco se puido facer pola súa vida e faleceu no centro hospitalario horas despois do sinistro- a cuarta ocupante, L.G.Q., tamén foi trasladada ó hospital onde foi atendida de feridas leves e dada de alta.
A magnitude do accidente obrigou a corta-la estrada durante preto de tres horas. Ata o lugar desprazouse un equipo de bombeiros do parque comarcal de Ribeira, unha unidade da Garda Civil de Tráfico, así como unha ambulancia do 061 e axentes da Policía Local de Ribeira.
Os tres falecidos foron enterrados na tarde do domingo no cemiterio de Santa Marina de Xuño nun sepelio multitudinario ó que asistiron gran cantidade de veciños e coñecidos das vítimas. O concello decretou tres días de loito oficial en memoria das tres vítimas. Un ramo de flores lembra, no lugar do sinistro, ós falecidos que xa forman parte da cada vez máis numerosa lista negra de mozos que perderon a vida nas estradas barbanzás nos últimos anos.
Redacción Barbanza









