Os veciños do Castro demandan un médico substituto

    BOIRO > Veciños da parroquia de Santa María do Castro, en Cabo de Cruz, reuníronse o pasado venres pola noite para buscar unha solución ante a falta de substituto para o doutor que consulta na zona. Afirman que xa presentaron varios escritos ante o concello e diferentes instancias sanitarias, sen obter polo momento resposta oficial. De seguir así, barallan incluso a posibilidade de convocar unha manifestación en Santiago.

    Desde o vindeiro 15 de xullo e ata o 15 de agosto o consultorio da parroquia de Santa María do Castro permanecerá pechado de non conseguir un substituto que cubra o posto de Torres Colomer durante o seu periodo de vacacións. O presidente da Asociación de Veciños A Unión, Benigno Sánchez, informou ós asistentes á xuntanza que aínda non recibiron unha contestación oficial ós escritos que presentaron ante o concello e o SERGAS, instancias desde as que alegan que a escaseza de persoal no período estival é un problema común en toda Galicia.

    O consultorio dá servizo a preto de mil persoas, e despois de ter parado xa hai uns anos tamén no período vacacional, os veciños aseguran que non están dispostos a que suceda de novo e temen que se acabe pechando definitivamente. De non conseguir substituto veríanse obrigados a acudir ata o Centro de Saúde de Boiro, un desprazamento que lles suporía importantes inconvintes.

    A partir de hoxe , e durante toda a semana, permanecerá aberta a oficina que a asociación posúe na Casa do Mar para que se acheguen por alí tódolos veciños dispostos a viaxar ata Santiago para manifestase. Se se consegue un número de persoas suficiente para cubrir as prazas de 3 ou 4 autobuses, a directiva da asociación fixará posteriormente a data e hora da protesta.

    Redacción Barbanza