‘Boiroferta’ dará saída a artículos en stock a prezo de saldo

    BOIRO > A Asociación Boirense de Empresarios vén de presentar a primeira ‘Boiroferta’. Trátase dunha feira que contará coa participación dalgúns comercios do municipio e que ten como fin dar saída a productos en stock a prezos de saldo.

    O pavillón municipal da Cachada será o escenario no que se celebre a primeira ‘Boiroferta’, unha especie de feira na que preto de corenta e cinco establecementos da zona terán a oportunidade de poñer á venda productos acumulados a prezos moi rebaixados. Con esta inicactiva, a Asociación Boirense de Empresario busca, entre outros obxectivos, dinamizar a actividade comercial da zona e actuar como reclamo turístico.

    Para a organización do evento, a ABE contará cunha superficie total de catrocentos metros cadrados na que se montarán arredor de corenta e cinco stands. Cada un deles poderá ocupar entre catro e oito metros cadrados, a un custe de trinta e cinco euros por metro cadrado, e a súa situación decidiráse por sorteo. Luis Ángel González destacou que esta é unha inicacitiva deseñada especialmente para os establecementos membros da Asociación pertencentes ó sector dos comercios, hostalería e servicios. Polo de agora teñen case a metade de prazas cubertas, pero confían na boa resposta dos membros da asociación e piden maior implicación.

    A inauguración do evento será o vindeiro venres once de agosto ás seis da tarde e pecharase o domingo día trece á mesma hora. Os postos permanecerán abertos o venres desde as catro ás once da noite e na fin de semana en horario ininterrompido de once da mañá a once da noite. A entrada será de balde e ademais da actividade comercial, no lugar habilitaráse un bar para dar servizo ós asistentes que será designado por concurso entre os locais que se presenten.

    Redacción Barbanza