A UE non obrigará a identificar o país de orixe nas conservas de mexillón

    BARBANZA> A industria conserveira non estará obrigada a identificar a orixe do mexillón no etiquetado das latas. A Unión Europea rexeitou a petición dos produtores polo elevado custe que suporía a súa aplicación. Finalmente a Unión Europea rexeitou a proposta sobre etiquetado que obrigaría a identificar a orixe do mexillón en conserva. Aínda que o informe elaborado polo organismo competente recoñece que máis do setenta e cinco por cento dos consumidores apoian este requisito, os elevados custos da súa aplicación o farían inviable. A resolución supón un duro golpe para o mexillón galego que leva meses batallando para conseguir a identificación obrigatoria do país de orixe nas latas, como único modo de garantir a trazabilidade e evitar o fraude ó consumidor. O informe europeo xustifica a decisión alegando que a identificación obrigatoria en cada país é difícil de aplicar en moitos ámbitos da alimentación e o incremento dos custos de produción acabaría repercutindo nos consumidores. A única alternativa para os consumidores é optar polos produtos con identificación voluntaria que proporcionan información sobre a súa orixe. Tras coñecer a resolución, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia presentou unha queixa ante a Comisión Europea ó decatarse de que ANFACO dispoñía do informe xa hai preto dun mes. Este feito, din dende o consello, fai dubidar da obxectividade dos órganos europeos na súa toma de decisións.