Lobeira xestionará as axudas dos ribeireses excluídos do plan do polbo

    lobeira_200_130706_1.jpgRIBEIRA > O deputado do BNG, Bieito Lobeira, mantivo un encontro cos membros da Confraría de Pescadores de Ribeira para analizar con eles diversos asuntos de interese para o pósito. Entre os temas abordados figuraba o problema que están a padecer un grupo de mariñeiros desta localidade que viñan faenando o polbo con liña e cordel e que foron excluídos das axudas vinculadas ó plan de recuperación do polbo deseñado pola Consellería de Pesca.

    En total en Ribeira son dez os mariñeiros afectados por este problema, ó quedarse fóra das axudas do plan de recuperación do polbo deseñado para facilita-la recuperación desta especie sobre a que pesa unha veda de dous meses e que remata o vindeiro 20 de xullo. Segundo Bieito Lobeira o BNG vai presentar unha iniciativa parlamentaria coa que pretende buscarlle unha solución efectiva a este colectivo de pescadores e que non queden excluídos das axudas previstas.xuntanza_200_130706.jpg

    O encontro cos representantes do pósito ribeirés serviu tamén para que o patrón maior ribeirés Antonio Argibay lle trasladara ó deputado nacionalista varios proxectos innovadores que precisa poñer en marcha esta confraría e para os que necesita o apoio económico da Xunta de Galicia. Algunha destas actuacións fan referencia á creación de gaiolas submariñas para incrementa-la riqueza pesqueira e marisqueira.

    Bieito Lobeira referiuse tamén a un problema que afecta actualmente a este pósito como son os frecuentes vertidos que se producen na zona portuaria. O deputado nacionalista cargou contra o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, ó que culpou de permitir a realización deste tipo de accións.
    Redacción Barbanza