Os veciños de Valiño denuncian a falla de subministro de auga nesta aldea boiresa

    denunciavecia_100_140706.jpgBOIRO > Unha veciña de Cabo de Cruz, no concello de Boiro, vén de denunciar a ausencia de subministro de auga na zona na que vive. Hai mes e medio que se instalou na aldea de Valiño e dende entón os grifos da súa casa non botan nin gota de auga durante o día. A situación, que xa foi denunciada polos veciños en varias ocasións ante o concello, segue sen arranxarse.

    Sen poder ducharse, lavar a roupa ou facer de comer. Esta é a situación na que vive Mari Carme Magallanes, unha veciña de Valiño, no Cabo da Cruz, e a súa familia. Hai preto de mes e medio que trasladaron alí a súa residencia e desde entón o edificio non recibe auga en todo o día.

    As deficiencias no subministro é un problema común na zona. Segundo Mari Carme, tan só consegue encher un par de caldeiros de auga arredor da unha da mañá, momento no que, segundo conta a denunciante, se corta o abastecemento de auga noutra zona próxima para poder darlle servizo a eles. Os vecinos de Valiño veñen protestando por esta situación desde hai tempo, ata que xa se cansaron e optaron pola instalación de pozos que lles garantan o propio abastecemento.denunciavecia_200_140706.jpg

    A casa na que vive, de recente construcción, está situada nun punto alto, o que dificultaría que a presión da auga fose elevada. Mari Carme asegura que o único que solicita é que lle faciliten o suministro, aínda que sexa sen moita presión.

    A resposta do concello de Boiro non se fixo esperar. O concelleiro de urbanismo e obras públicas, Xoán Xesús Ares, admite que están ó corrente desta situación e que xa comezaron a traballar para conseguir que a rede de subministro de augas chegue con normalidade á zona.O concello de Boiro leva investidos, segundo Ares, preto de 130 mil euros nas melloras de abastecemento de auga en cabo de Cruz. Os problemas que agora se están a rexistrar veñen desde que o ano pasado se fixera unha desviación cunha tubería nova para comunicar as zonas de O Chazo, Valiño e O Castro á rede xeral. Desde o concello recoñecen que as deficiencias no suministro son derivadas destas obras, pero insisten en que xa comezaron a tomar medidas.

    Mentres os servizos técnicos municipais realizan as tarefas de verificación, Ares apela á compresión dos veciños, e reitera que tratarán de buscar unha solución o máis rápido posible.

    Redacción Barbanza