Normalidade nas instalacións de Congalsa tralo incendio da fin de semana

POBRA> O lume afectou a unha zona de caldeiras nas súas instalacións ubicadas no polígono da Tomada. Por momentos parecía repetirse a situación vivida no ano 2007. Daquela o lume arrasou cunha das dúas naves coas que conta a factoría neste parque empresarial.

O lume orixinábase ó redor das catro da tarde do sábado. Na súa extinción participaron bombeiros do parque de Ribeira, Protección Civil da Pobra e tamén Garda Civil e Policía Local da Pobnra. Deuse por extinguido pasadas as nove da noite. Aínda que dende un primeiro momento o lume estaba controlado, non puido extinguirse con maior rapidez debido a unha fuga de combustible no serpentín da propia caldeira. Non houbo que lamentar danos persoais, e a pesar de que había operarios nese momento traballando na zona afectada ningún deles resultou ferido. Si foi realizada a súa evacuación. A través dun comunicado, a firma agradeceu o traballo eficaz dos medios de emerxencia desprazados, ó tempo que enviaba unha mensaxe de tranquilidade ós seus clientes  e provedores de que a produtividade da compañía non se verá afectada por este episodio, grazas á existencia doutra caldeira xemelga que non se veu afectada polas lapas.