RIBEIRA > A asociación de veciños ‘A Batiola’ de Castiñeiras celebrou unha xuntanza para informar ós residentes sobre o deslinde de Costas na zona dos Areeiros despois da decisión do Ministerio de Medio Ambiente de desestima-las alegacións presentadas polos propios veciños afectados porla orde do ano 2004, que aproba o deslinde dos bens de dominio público.
Un bo número de veciños de Castiñeiras asistiron á xuntanza organizada pola asociación de veciños ‘A Batiola’ para analiza-la decisión do Ministerio de Medio Ambiente de desestima-las alegacións presentadas contra a orde ministerial do ano 2004, pola que se aprobaba o deslinde dos bens en dominio público marítimo-terrestre nun tramo de costa desta parroquia ribeiresa de 1.725 metros.
Na xuntanza á que tamén asistiron varios portavoces dos grupos políticos con representación municipal, acordouse presentar un recursos contencioso administrativo contra a Demarcación de Costas. En breve teñen previsto tamén manter un encontro co alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, para informarlle da situación.
Segundo o propio presidente da Batiola, Xurxo Ferrón, os núcleos de poboación afectados, están asentados dende antes do ano 1.985 e recollidos no PXOM do ano 2002 como casco urbano polo que se non se reduce a 20 metros a zona de servidume de protección nos Areeiros estes núcleos quedarán sen recoñecemento legal algún a pesar de non realizarse en contra da lei.
A Batiola non descarta a realización de mobilizacións para tratar de buscarlle unha solución ó problema xa que son moitos os veciños afectados.
Por outra banda o BNG a través da súa deputada Ana Pontón vén de presentar unha pregunta no Parlamento para a súa resposta escrita relativa ás xestións que vai realizar a Consellería de Política territorial ante esta decisión do Ministerio de Medio Ambiente.
Redacción Barbanza