Veciños de Cures denuncian o deficiente acceso ás fincas trala concentración parcelaria

    BOIRO> Veciños de Cures denuncian o mal estado das fincas unha vez finalizada a concentración parcelaria. A través do BNG solicitan que sexa a Xunta e non os propietarios quen asuma o remate das actuacións. Facéndose eco das queixas dos veciños de Cures, o BNG de Boiro levará a pleno unha moción sobre o resultado das obras da concentración parcelaria. A pesar de que o pasado venres o DOG publicou a toma de posesión dos terreos, moitos dos propietarios non poden facer uso deles. Algunhas das fincas carecen de acceso e noutras amoréase a terra procedente das actuacións realizadas. Os nacionalistas entenden que debe ser a Xunta quen asuma os gastos derivados destas actuacións e non os veciños polo que instan ó goberno local a demandar do autonómico a conclusión destas obras. Lembran dende o BNG que, cando se iniciou a actuación, designouse unha comisión de seguimento para asesorar ó equipo técnico. Sen embargo, os seus criterios apenas se tomaron en consideración.