RIBEIRA> Dous novos falecementos elevan a seis as vítimas mortais na residencia de Ribeira. A conselleira de Política Social descartou, de momento, a posibilidade de intervención do centro, tal e como demandan algunhas voces, a pesar do elevado ritmo de contaxios que suman xa 67 residentes e 21 traballadores.
Nas últimas horas coñeciamos o falecemento de dous usuarios da residencia de Ribeira, de 83 e 84 anos. Dúas novas vítimas que elevan xa a seis os falecidos trala detección do gromo que se converteu nun dos máis preocupantes de toda Galicia.
Aínda así, a Xunta descarta polo momento a intervención do centro, tal e como demandaba a asociación ‘Vellez Digna’. A Conselleira de Política Social lembrou que esta e tódalas residencias galegas están baixo tutela da Xunta que permanece vixilante para garantir a mellor atención e coidado dos usuarios.
Polo momento, a xestión do centro ribeirense permanecerá en mans de DomusVi, aínda que tanto a Consellería de Política Social como a de Sanidade seguirán de preto a evolución do gromo e a situación dos usuarios para dotar ó centro de tódolos medios materiais e humanos para conter os contaxios e garantir o benestar dos maiores.