Nove concellos promocionan conxuntamente a ruta xacobea de Muros-Noia

    NOIA> Os concellos de Muros Noia e da área de Santiago unen forzas para reclamar o recoñecemento oficial da variante do Camiño de Santiago que transcorre pola comarca. Asinaron un protocolo de colaboración para a promoción conxunta desta ruta. Non só os alcaldes da comarca, senón tamén o rexedor compostelán Martiño Noriega, sumouse ó acto de reivindicación desta ruta xacobea. No acto, desenvolvido a mediodía, procedeuse á sinatura dun protocolo de colaboración para a promoción conxunta do camiño de Santiago pola ría de Muros Noia. Ademais da dinamización turística dos nove concellos participantes, esta colaboración aspira a obter a homologación oficial desta variante do camiño inglés, sobradamente acreditada con documentación histórica. O alcalde de Compostela, onde conflúen tódolos camiños, destacou a importancia desta iniciativa polo peso histórico desta ruta. Os nove rexedores quedaron emprazados a unha próxima reunión para deseñar accións concretas de cara á posta en valor e promoción desta ruta.