O concello de Rianxo iniciará a rexeneración dos seus areais

    RIANXO > O concello de Rianxo agarda iniciar ó longo deste ano o proxecto de rexeneración das praias do municipio financiado polo Ministerio de Medio Ambiente. Esta actuación, presupostada en preto de dez millóns de euros, suporá un importante avance para o municipio rianxeiro posto que o incremento da calidade dos seus areais repercurá nunha maior afluencia de turismo.

    O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, amosou a súa satisfacción ante a futura contratación das obras de rexeneración das praias do municipios, tras un longo proceso motivado por unha alegación relativa ó impacto ambiental da actuación. Actualmente, o proxecto atópase na fase exposición pública que precede á aprobación definitiva do mesmo.

    O rexedor local destacou que esta obra vai marcar o futuro de Rianxo posto que a calidade das praias do municipio deixa moito que desexar na actualidade. O proxecto inclue a mellora e ampliación de varios areais, entre os que se atopan A Torre, O Pazo, O Porrón, Carballeira, Praia de Tanxil ou as Cunchas.

    Paralelamente á rexeneración estase a traballar noutros proxectos de Costas como é a construción da senda peonil no paseo marítimo dende Taragoña á Torre. Pedro Piñeiro destacou a colaboración desinteresada dos veciños que cederon os primeiros seis metros para poñer a disposición da demarcación de Costas. O mandatario agarda que tódolos veciños presten a súa colaboración para que non sexa necesario recurrir á expropiación.

    O alcalde rianxeiro anunciou tamén o inicio das xestións para elaborar o anteproxecto do paseo das Cunchas a Tanxil. O concello iniciará proximamente os contactos cos propietarios afectados agardando a mesma colaboración que a prestada polos vecilños de Taragoña.

    Redacción Barbanza