![]()
SALNÉS > A Garda Civil prendeu a seis incendiarios nos últimos días como presuntos autores de cometer incendios en Caldas de Reis, Lousame, Negreira, e Cee. O detido en Caldas podería ser o causante de diversos lumes forestais en Saiar. Precisamente, nesta parroquia quedaron controlados este venres dous novos incendios.
A parroquia caldense de Saiar está xa considera de alto risco. Nos últimos dous meses xa padeceu un total de 37 lumes forestais. Os dous últimos este venres no lugar de Santo Estevo, que xa foron controlados ás poucas horas. O máis grave iniciábase ás tres e cuarto da tarde e precisou a intervención de 4 helicópteros apoiados por outros dous medios aéreos, dous axentes, tres brigadas, e tres motobombas.
A Garda Civil xa detivo a un veciño de Gundiñáns, desta mesma parroquia, como presunto autor de diversos lumes forestais nese lugar. Trátase de J.L.M.B de 25 anos, quen xa recoñeceu a autoría de catro incendios, e pasou a disposición xudicial. Desde o 28 de maio ata o 28 de xullo xa se viron afectadas polo lume en Saiar 218,2 hectáreas de superficie arborada e 2,29 hectáreas de superficie rasa.
Este xoves tamén se rexistrou outro incendio no monte Xiabre, na parroquia catoiresa de Abalo. A zona máis afectada foi a de San Mamede, preto das torres de reemisión de televisión. Segundo datos facilitados pola Consellería do Medio Rural o lume iniciouse ás seis e cinco da tarde e todo apunta a que novamente a man do home está detrás. As fortes rachas de vento fixeron que en poucos minutos se avivaran os diversos focos de lume que había nesta zona do monte Xiabre, complicando aínda máis a labor dos numerosos efectivos desprazados ata o lugar. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais indicou que ata Abalo se achegaron tres helicópteros, apoiados por outros dous medio aéreos máis. Por terra desprazouse un técnico, dous axentes e cinco brigadas, ademais de dúas motobombas, que tiveron bastante dificultade en acceder ata o lugar do incendio. Medio Rural informou que o lume quedou totalmente sufocado á unha e media da madrugada e que afectou a seis hectáreas de arborado.
O xoves foi a xornada máis activa en canto a lumes na provincia de Pontevedra. Ademais do de Catoira, os servizos contra incendios tiveron que intervir en Saiar (Caldas), Vilariño (Cambados), Campañó (Pontevedra), Bordóns (Sanxenxo), e en Lores e Xil (Meaño). Nestes casos tratouse de conatos de incendio, anque se precisou de varias horas para sufocalos.
Redacción Salnés







