Convocada unha manifestación en defensa da Area Sanitaria arousá

    VILAGARCIA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés fai un chamamento á cidadanía da comarca para que o vindeiro venres, …

    {flowplayer}images/salnes/uxt_por_manifestacion_sanidade.flv{/flowplayer}

    …participe na manifestación que sairá da Casa do Mar de Vilagarcía ás oito e media da tarde, para reclamar que a área sanitaria do Salnés siga mantendo a súa independencia. Esta mobilización pretende escenificar a oposición frontal dos pacientes da contorna contra o decreto da Xunta que entrará en vigor o vindeiro 20 de outubro; e que suporá a perda de autonomía por parte do Hospital Comarcal do Salnés, que pasaría a ser dependente da xestión do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

    Os membros desta plataforma, desde persoal sanitario, sindicalistas ata membros dos partidos políticos PSOE, BNG e EU están a realizar estes días varias conferencias informativas e de chamamento á mobilización, para evitar que a cidadanía do Salnés se converta en pacientes de segunda. Segundo eles, este cambio na xestión afectará á capacidade de decisión, administración e mesmo á dotación e atención deste centro.

    Esta nova fórmula de xerencia virá a agravar aínda máis os problemas de masificación e de dotación deficitaria que teñen tanto o Hospital do Salnés como os demais centros de atención primaria dos arredores. Situación ante a que reiteran o apoio tanto da xente da pé como da clase política da comarca.

    Redacción Salnés