Vivenda financiará parte da recuperación da praza de Bealo

    BOIRO > A Conselleira de Vivenda, Tareixa Táboas, asinou un convenio de colaboración co concello de Boiro para o acondicionamento do entorno da praza de Bealo. Este proxecto, que suporá un investimento próximo ós noventa mil euros, enmárcase dentro das actuacións deseñadas polo tripartito para a recuperación de diversos núcleos rurais do municipio.

    conselleiravivenda_300_280706.jpgO proxecto de recuperación da praza de Bealo contempla a eliminación de barreiras arquitectónicas e a reposición do mobiliario urbano así como a diferenciación da zona peonil do espazo reservado ó tránsito rodado. Segundo explicou a Conselleira de Vivenda trátase de conxugar tradición e modernidade construíndo un espazo harmónico. O presuposto desta obra ascende a 88 mil euros, dos cales unha partida de setenta mil serán aportados pola Consellería.

    O acondicionamento desta praza vense sumar a outra serie de actuacións proxectadas polo executivo boirés co fin de recuperar os espazos públicos de convivencia nas parroquias do municipio. Neste sentido, atópase en fase de tramitación a creación dunha área de rehabilitación integral en Moimenta como primeiro paso para a conservación dos núcleos tradicionais.

    Durante a súa visita a Boiro, a Conselleira adiantou outras liñas de traballo do seu departamento con respecto ó concello de Boiro como é a necesidade de creación de chan residencial e empresarial. Neste sentido, anunciou a creación de bolsas de terreo para a construción de vivendas protexidas e referiuse á recente contratación do proxecto de urbanización da ampliación do polígono industrial de Espiñeira.

    Redacción Barbanza