O pleno pobrés aproba as correccións ó PXOM co único apoio do PP

    POBRA > A corporación municipal da Pobra do Caramiñal celebrou unha sesión plenaria con carácter ordinario na que entre outros asuntos se abordaron as correcións introducidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal despois do informe emitido pola Consellería de Política Territorial, que obrigaba ó concello pobrés a facer unha serie de cambios no seu planeamento para a súa aprobación definitiva. Este punto saiu adiante cos votos a favor en solitario dos edís do Partido Popular. Tanto o Partido Socialista coma o Bloque Nacionalista Galego votaron en contra.

    plenopobra_300_280706.jpgSen dúbida o punto número dous dentro da orde do día do pleno pobrés, o relativo á corrección das deficiencias e as modificacións impostas sobre a aprobación definitiva do PXOM no municipio ditada pola Consellería de Política Territorial, resultou o máis polémico. O voceiro do grupo municipal do Partido Socialista, Antonio Moure, incidiu durante a súa intervención na premura coa que se levaba a cabo a aprobación deste novo documento.

    Este mesmo argumento foi tamén defendido pola portavoz nacionalista, Rosana Pérez.

    Pola súa banda, o voceiro do grupo popular na localidade, Ricardo Lago, explicou que a través da orde do 22 de maio a Xunta remitiu ó concello unha serie de requerimentos e modificacións que se tiñan que levar a cabo no Plan Xeral de Ordenación Municipal, correccións que se están a realizar e que o equipo redactor vai plasmando nun documento anexo ó enviado polo Xunta de Galicia para facilitar a comprobación dos puntos corrixidos.

    Redacción Barbanza