A falla de climatización obriga a instalar ventiladores no hospital do Barbanza

    hospitalbarbanza_100_280706.jpgBARBANZA > A intensa calor rexistrada ó longo deste mes ten especial incidencia en certos sectores poboacionais como a terceira idade, os nenos e as persoas enfermas. A situación no Hospital do Barbanza, que carece de sistema de climatización nalgunhas áreas como a de hospitalización, estase a tornar insostible polo que a dirección recorreu á colocación de ventiladores caseiros e sistemas de climatización alternativos para combater a calor.

    As queixas dos familiares deron a voz de alerta sobre a situación de sofocante calor que padecen os enfermos nas instalacións do hospital do Barbanza. O centro carece de sistema de climatización en varias zonas como na área de hospitalización mentres que noutras como diálisis, quirófanos ou laboratorio o sistema é bastante deficitario.

    A isto únese a estrutura acristalada do edificio e a súa orientación, o que provoca que se cheguen a rexistrar temperaturas moi altas no seu interior que nas últimas semanas chegaron a acadar os 38 graos.

    Para solventar temporalmente o problema e reducir as molestias ós pacientes, a dirección do centro optou pola colocación de ventiladores á espera de que o Servizo Galego de Saúde se faga cargo da mellora da ventilación, como xa ten solicitado o centro hospitalario. Así mesmo, instaláronse varios climatizadores nos pasillos e nas salas comúns das plantas de internamento.ventiladores_200_280706.jpg

    Outra medida é subministrar auga ós pacientes de forma abundante e continuada para diminuír a deshidratación provocada polos altos valores térmicos. Así mesmo, recomendan ter as persianas baixadas durante o día para evitar os raios solares e abri-las fiestras durante a noite. O obxectivo é evitar que as temperaturas acaden valores tan altos no interior das habitacións posto que un exceso podería derivar no agravamento das enfermidades.

    A falla de climatización é un dos principais déficits do hospital do Barbanza dende a súa inauguración en outobro do 97. A nova directiva asumiu como prioritario dotar ó centro dun sistema de ventilación axeitado así como o ensanchamento das portas do centro que, en ocasións, impiden o paso das camillas. A Consellería de Sanidade xa tomou nota da necesidade desta obra, presupostada en preto de 400 mil euros, que posiblemente se levará a cabo durante o primeiro trimestre do próximo ano. Mentres tanto, a directora do centro, quere facer hegar a tódolos barbanzáns unha mensaxe tranquilizadora, posto que xa se está a traballar na resolución das deficiencias estruturais e organizativas do hospital.

    Outra das necesidades observadas pola dirección é a creación dun heliporto que permita o traslado urxente dos enfermos. Esta infraestrutura atópase actualmente en fase de estudo e podería ser unha realidade ó longo do vindeiro ano.

    Redacción Barbanza