![]()
BOIRO > O concelleiro de urbanismo de Boiro, Xoan Xesús Ares, xunto co presidente da Asociación de Veciños ‘A Unión’ de Cabo de Cruz, Benigno Sánchez, achegáronse a Cabo de Cruz para supervisar as obras de mellora e saneamento que se están a realizar na zona da Pesqueira, unha antiga demanda dos veciños para a que o concello conta cun orzamento de 222 mil euros.
A Deputación da Coruña xunto co concello de Boiro son as entidadas encargadas de financiar estas obras que se están a levar a cabo na zona de Pesqueiras, no Cabo de Cruz, e que abranguerán cinco rúas do casco vello desta parroquia boiresa.
Esta actuación consiste nunha reforma das canalizacións de augas, xa que ata o de agora non existía recollida de pluviais, así como a substitución do pavimento de hormigón por un de adoquíns máis resistente e acorde co entorno.
Esta actuación era unha demanda que viñan facendo os veciños desde hai anos, xa que o estado destas rúas era bastante deficiente. Desde o concello de Boiro agardan que estas obras poñan solución ás peticións e necesidades dos veciños.
A pesares da satisfacción amosada polos veciños, desde a asociación ‘A Unión’ recordan que esta debe ser a primeira dunha longa lista de actuacións en Cabo de Cruz, xa que ademáis da Pesqueira, hai outras zonas que tamén requiren melloras de pavimentación e alumeado.
Redacción Barbanza










