O PP critica a ‘descoordinación’ da Xunta na súa política contraincendios

    ruz_100_310706.jpgRIBEIRA > O PP de Ribeira non está de acordo coa política contraincendios levada a cabo pola Xunta de Galicia na comarca do Barbanza. Os populares levarán a pleno unha moción na que denuncian a ‘descoordinación, a escaseza de persoal e a falla de previsión’ con que a Consellería de Medio Rural está a actuar nesta bisbarra, unha das máis afectadas polo lume.

    O voceiro popular en Ribeira, Manuel Ruíz, anunciou a presentación desta moción por vía de urxencia para instar á Xunta de Galicia a incrementar as plantillas contraincendios nos concellos barbanzáns. Segundo o PP, a Consellería do Medio Rural amosou ata o momento unha gran ‘descoordinación’ na loita contra o lume cun importante retraso na contratación do persoal das brigadas que non comezaron a traballar ata mediados de xullo cando a vaga de calor incrementou en gran medida o número de incendios forestais.

    Concretamente, os populares denuncian que no distrito cuarto, onde se inclúe a comarca do Barbanza, aínda está sen nomear o xefe e a falla de persoal deriva na desatención en varias casetas de vixilancia. Segundo Ruíz, na actualidade contan con menos efectivos aéreos que o pasado ano e e o persoal de reforzo é mínimo, sen que a Consellería axilice a contratación de máis profesionais.incendios_200_310706.jpg

    O único problema para os populares non é unicamente a escaseza de medios senón a mala utilización de estes posto que, segundo informou o deputado, as cuadrillas contratadas polas comunidades de montes teñen prohibido actuar fóra da área xeográfica asignada o que provoca unha infrautilización dos medios nalgúns casos e saturación noutros.

    Pola contra, Medio Rural deféndese destas acusacións explicando que a dotación de cuadrillas realizouse en función do risco de incendios de cada territorio, así como do seu ecosistema forestal e a presenza de medios propios. Neste sentido, lémbralle ó PP a actitude ‘ irresponsable’ de trinta rexedores populares que rexeitaron os convenios contraincendios para os seus concellos por rexeitar os criterios para a contratación de persoal consistentes na esixencia de titulación agraria ou forestal para cubrir o posto de xefe e cursos de prevención de riscos laborais obrigatorios así como a presenza de técnicos da Consellería no proceso.

    Redacción Barbanza