O volume de produción podería marcar o prezo da uva en Rías Baixas

    MESAVINO.JPG PONTEVEDRA> A Mesa do Viño da D.O. chegou a un preacordo para que entre o 2012 e o 2015 o prezo dos froitos dependa da colleita anual.

    O novo contrato homologado para o período 2012-2015 permitirá establecer o prezo da uva en función do volume da colleita de cada ano. Este foi o acordo ó que chegaron os membros da Mesa do Viño da Denominación de Orixe Rías Baixas durante a segunda reunión mantida no edificio da Xunta en Pontevedra. Representantes de adegas, produtores, cooperativas, sindicatos agrarios e do goberno galego barallan esta opción como a máis axeitada para garantir a estabilidade do sector e evitar que colleitas tan abondosas como a do 2011, con preto de dez millóns de quilos de uva recollidos, acabe orixinando excesos de stock.

    As partes reunidas debateron sobre a viabilidades de aplicar un marco de negociación que cada ano ligue os prezos dos froitos ó volume de produción, un principio de acordo que agora cada un dos representantes trasladará ós membros do seu sector para o día 23 deste mes, data da próxima reunión, tomar unha decisión definitiva.

    Desde o sindicato Unións Agrarias, presente na Mesa, xa amosaron o seu descontento co resultado desta segunda xuntanza. Segundo o colectivo, a fixación dos prezos nos contratos homologados debería ter en conta máis variables, como os custes de produción, ou a situación dos mercados, para que non só os produtores, senón todo o sector, conte con garantías fronte as alteracións de cotización da produción. Unión Agrarias tamén considera escandalosa a postura mantida polas adegas, ás que culpa de propoñer caídas de máis do 50 por cento no prezo dos froito para a vindeira colleita. Por este motivo, a formación prepara xa unha mobilización para o vindeiro 13 de abril en Santiago de Compostela fronte as dependencias da Xunta.

    Redacción Salnés