Artesanía e deseño a partes iguais na nova colección de Juan Ares

    RIBEIRA> Oito redeiras de toda Galicia participan en Ribeira nun curso de elaboración de mobiliario e decoración. Esta iniciativa, promovida polas Consellerías de Industria e do Mar a Fundación Artesanía de Galicia, busca diversificar o traballo das redeiras. Está dirixida polo prestixioso deseñador boirense, Juan Ares. O talento do deseñador Juan Ares e as expertas mans destas redeiras galegas conseguen converter os aparellos de pesca en auténticas obras de arte. Esta é tan só unha mostra dos traballos realizados no marco do obradoiro sobre produción de mobiliario e decoración desenvolvido en Ribeira baixo a coordinación do estudo Juan Ares Deseño Mariño. As participantes valoran moi positivamente os coñecementos adquiridos a través deste curso que lles aporta un valor engadido á hora de explorar novas facetas e mercados laborais. O obxectivo, tanto da administración autonómica como da firma de Deseño Mariño Juan Ares, é manter estes obradoiros de maneira continuada no tempo co fin de contar con máis profesionais para elaborar as novas coleccións. Entre elas, un orixinal proxecto para o litoral galego que, ademais de dar un servizo ós usuarios das praias, contribuirá a recuperar un dos elementos máis senlleiros da nosa cultura mariñeira.