![]()
RIBEIRA> Corrubedo e Palmeira acollen a rodaxe da longametraxe ‘Sinbad’ de Antón Dobao na que participan coñecidos actores galegos.
Cando se cumpren cen anos do nacemento do escritor Álvaro Cunqueiro, unha das súas obras, Si o vello Sinbad volvese ás illas, que tamén celebra o medio século dende a súa publicación, terá unha versión cinematográfica. O director Antón Dobao adaptou o texto da novela para transformala nunha longametraxe que estes días se está a rodar en distintas localizacións no concello de Ribeira.
{flowplayer}barbanza/rodaxesinbad.flv{/flowplayer}
Concretamente durante esta semana o equipo de rodaxe traballa en Corrubedo. Os escenarios escollidos: as praias, o porto, o faro e distintas rúas do pobo onde se emprazan as vivendas dos protagonistas. Nos próximos días, as localizacións serán no mercado e no porto de Palmeira e na praia de Cabio.
Producido por Ficción, e ca colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais e o concello de Ribeira, o filme está protagonizado por coñecidos actores galegos, entre outros, Xosé Olveira ‘Pico’, Sara Casasnovas, Mariña Sampedro, Luís Zahera, Antonio Durán ‘Morris’ ou Mariana Carballal.
Segundo adiantou o rexedor ribeirés, estase a valorar a posibilidade de que a presentación oficial da longametraxe, prevista para o outono, sexa en Ribeira.
Redacción Barbanza











