O BNG denuncia irregularidades na selección do director do Museo Valle-Inclán

    novaconcelleira_100_010806.jpgPOBRA > O edil popular e Concelleiro de Cultura e Turismo, Antonio González Millán, deixará libre o seu escano que ocupa na corporación municipal para asumi-la dirección do Museo Valle-Inclán.

    Antonio González Millán informou da súa renuncia ó cargo de Concelleiro de Cultura e Turismo que viña desenvolvendo no Concello da Pobra dende hai sete anos para ocupar un novo posto como Director do Museo Valle-Inclán da localidade. O edil popular explicou que o desempeño de ambas funcións é incompatible polo que, unha vez coñecido o resultado das oposicións, e en cumprimento da lei, optou por renunciar á praza de concelleiro.

    O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, agradeceu a Antonio González a axcelente labor que desenvolveu como concelleiro e destacou que durante a súa dirección se realizaron avances moi importantes no eido da cultura e do turismo como pode ser a valorización do patrimonio da localidade, a creación e rehabilitación de espazos tradicionais ou a promoción turística do municipio. Ademais o rexedor pobrés quixo deixar claro que a concesión deste novo cargo se fixo seguindo a legalidade, a través dunha convocatoria e da realización dunha oposición á que calquera persoa se puido presentar libremente e da que saiu como gañador Antonio Millán.

    A persoa que ocupará a partir de agora o escano na corporación municipal será Isabel González, quen se puxo a disposición dos veciños para axudalos en todo o posible.

    A súa presentación oficial realizarase no próximo Pleno Municipal, momento no que tamén se dará a coñecer o departamento que dirixirá, xa que a renuncia de Antonio González motivará algunhas modificacións no referente ó reparto de concellerías.

    Pola súa banda, o BNG do Caramiñal amosou o seu desacordo co nomeamento de González Millán basándose nun informe realizado polo secretario da corporación pobresa no que se pon de manifesto que a convocatoria de dita praza é anulable ó incorrer en infraccións. bngpobra_200_010806.jpg

    O informe, que foi solicitado ó secretario da corporación polo grupo nacionalista da localidade, establece que o expediente de selección da praza de director do museo incorre nunha serie de infraccións, entre elas, que o temario non se puxo en coñecemento do comité antes da súa aprobación, que a composición do tribunal debera contar con dous representantes do persoal cando na realidade tivo só un e que a publicación da convocatoria non se fixo como establece a lexislación.

    Á vista destas infraccións o informe conclúe dicindo que a convocatoria da praza é anulable aínda que tamén establece que se o executivo local non resolve o problema, a resolución se manterá ata que os Tribunais de Xustiza se pronuncien.

    Segundo manifestou a voceira do BNG, Rosana Pérez, dende o primeiro momento o seu partido xa denunciara ante o concello estas irregularidades, advertencias din eles ás que o alcalde fixo caso omiso e que agora o informe ratifica. Por iso, os nacionalistas solicitan ó rexedor que suspenda todo o procedemento e tome as medidas oportunas sen esperar a que se pronuncien os tribunais xa que eso suporía ademais un gran gasto para as arcas municipais.

    Redacción Barbanza