RIBEIRA> A oferta lúdica continuará durante toda a fin de semana en Ribeira onde se está a celebrar a Feira Artesá e Mariñeira Artemar. Centos de postos integran o mercado mariñeiro que conta tamén con animación itinerante e espectáculos de circo para tódolos públicos.
Ribeira retorna durante esta fin de semana ó seu pasado mariñeiro coa Feira Artemar que dende onte e ata o domingo converte á capital do Barbanza nun auténtico fervedoiro de cultura, tradición e animación para nenos e maiores.
Un dos principais reclamos desta feira é o mercado mariñeiro con centos de postos instalados polas principais rúas do casco nos que os visitantes poden atopar todo tipo de produtos artesáns e gastronómicos.
Ademais dos postos de venda, o mercado dispón tamén de zona infantil de xogos, un recuncho artísitco e un espazo para a exhibición de oficios artesanais como este no que os que se acheguen poden converterse en redeiros por un día.
A oferta da fin de semana compleméntase con numerosas actividades de animación de rúa e espectáculos de gran formato onde o lume cobra especial protagonismo.











