Serra do Barbanza prevé normalizar o servizo de recollida de lixo nos próximos días

    NOIA> Continúan os problemas coa recollida do lixo nos concellos integrados en Serra do Barbanza. A Mancomunidade manterá unha xuntanza este mércores para valorar as posibles accións a tomar ante a ineficiencia do servizo por parte da concesionaria. As desavinzas entre a Mancomunidade Serra do Barbanza e a empresa Fomento de Construcións e contratas, adxudicataria do servizo de recollida e xestión dos residuos urbanos, non son novas. Xa son varios os procesos xudiciais abertos por unha parte e outra relativos ó incumprimento do contrato ou as deficiencias do servizo. Sen embargo, nas últimas semanas, as constantes avarías nos camións de recollida contribuíron a recruar este conflito e traducíronse en quilos e quilos de lixo sen recoller nos seis concellos que conforman a mancomunidade. Os alcaldes confían en que a situación se normalice nas próximas horas despois de que xa se acometeran as reparacións das avarías detectadas en gran parte da flota. Mañá pola tarde manterán unha xuntanza en Muros para avaliar a situación e estudar posibles penalizacións á empresa. Mentres tanto, Serra de Barbanza xa inicio o proceso para a adquisición de novos camións para renovar parte da flota, moi deteriorada pola falla de mantemento. Sen embargo, o proceso de adxudicación destes novos vehículos require duns prazos administrativos polo que non estarán operativos ata primeiros do próximo ano.