Pedro Piñeiro asegura que o PXOM dará a máxima edificabilidade ás parroquias

    RIANXO > O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Rianxo volve a ser obxecto de polémica despois de que o BNG enviase ós medios unha nota de prensa acusando á corporación municipal de obstaculizar a aprobación do documento. Unhas acusacións que non sentaron nada ben ó alcalde da vila, que se amosou sorprendido xa que os nacionalistas forman parte da comisión redactora do PXOM e tódalas decisións tomadas ata o momento fixéronse por unanimidade.

    O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, non atopa explicación ás acusacións feitas polo BNG alegando que a corporacón municipal está a retrasar intencionadamente a aprobación do PXOM. Segundo Piñeiro, estas manifestacións carecen de sentido, xa que tanto os nacionalistas coma os demais grupos políticos da corporación municipal forman parte da comisión  do PXOM, e polo de agora, tódalas decisións se está a tomar de forma conxunta, e tendo en conta as opinións de asociación empresariais e veciñais.

    rianxopxom_300_020806.jpgLonxe de poñer obstáculos, Pedro Piñeiro asegura que a intención do concello é que o PXOM sexa un documento aberto e transparente, de aí que se estén a realizar reunións coa Dirección Xeral de Urbanismo e representantes de asociacións empresariais.

    O alcalde rianxeiro aproveitou a ocasión para aclarar un falso rumor que se está a estender polo concello sobre a imposibilidade de edificar nas parroquias. Segundo Piñeiro, a intención da comisión redactora do PXOM é dar a máxima edificabilidade ás parroquias, polo que se poderán construir edificios tanto nos núcleos da vila coma no entorno. A única salvedade que se contempla é que, a diferencia do que pasaba antigamente, agora non se poderá edificar en parcelas de 2 mil metros cadrados, xa que o prohíbe a actual Lei do Solo.

    Desde o concello de Rianxo insisten en que a súa intención é traballar conxuntamente coa Dirección Xeral de Urbanismo, a comisión do PXOM e tódolos sectores que o soliciten para conseguir un documento plural e que conte co consenso de todos.

    Redacción Barbanza