Mariscadores de Cabo denuncian a mortandade nos bancos por falla de limpeza

    BOIRO > Os mariscadores de a flote da Confraría de Cabo de Cruz en Boiro concentráronse na lonxa despois de ser expulsados por membros da Xunta da praia de Barraña, lugar onde mariscaban. O argazo acumulado nas praias está a matar os bancos de bivalvos e os traballadores quéixanse da ausencia de medios para poder limpar os areais, ademais de acusar directamente á Consellería de Pesca de impedirlles recoller o marisco antes de que morra.

    algas_300.jpgCentos de quilos de berberecho e ameixa se están perdendo cada ano nas praias boiresas por non mantelas limpas. O argazo arrastrado polas mareas afoga estes bivalvos ocasionando importantes perdas. É por isto que os mariscadores da Confraría de Cabo de Cruz se concentraron na lonxa despois de ser expulsados da praia de Barraña por membros da Xunta acusados de furtivismo. Aseguran que o único que pretenden e salvar o pouco marisco que queda antes de que morra todo, e culpan á Consellería de Pesca e ó Patrón Maior de obstaculizar o seu traballo ó non facilitarlles medios para limpar as praias.

    Segundo os mariscadores, hai un mes que solicitaron o permiso para limpar as praias e non llo concederon porque, como establece a Consellería de Pesca, é obrigatorio que polo menos unha persoa estea enrolada na embarcación. Agora piden á Xunta que poña á súa disposición un barco para que se encargue da limpeza. Tanto os mariscadores de a flote coma os de a pé aseguran que no areal de Mañóns, no que lles corresponde traballar durante estes primeiros días de mes, xa non hai marisco que sacar, pois a meirande parte xa está morto.

    O patrón maior da Confraría de Pescadores do Cabo de Cruz saíu ó paso destas declaracións alegando que as acusacións feitas polos mariscadores son falsas. Segundo Carmelo Vidal, se o marisco morre afogado polo argazo non é por falta de medios, senón porque os propios mariscadores non se responsabilizan da limpeza dos seus bancos. Carmelo Vidal asegura que existen medios suficientes para limpar as praias desde hai xa catro anos, e acusa ós propios traballadores de ser eles os que deixan morrer o marisco por negarse a limpalas, unha situación que se vén producindo xa desde hai ano e medio.

    En canto á expulsión dos mariscadores, o patrón maior indicou que a actuación da Xunta foi lícita, xa que os traballadores non tiñan licenza para mariscar na praia de Barraña. Segundo o funcionamento interno da confraría, cada mes establécese un plan de explotación no que os mariscadores poden solicitar un permiso para traballar en determinadas praias, permiso que os mariscadores de a flote pediron para este mes de agosto. O problema é que na resolución contémplase a autorización de marisqueo para os días 1, 2, 3 e 4 de agosto na praia de Mañóns, e non na de Barraña. No tocante ós permisos de limpeza, Carmelo Vidal asegura que teñen no seu poder a autorización da Xunta que permite retirar as algas das praias.

    Redacción Barbanza