![]()
RIBEIRA > Ribeira atópase xa inmersa na celebración das súas festas de agosto que, como cada ano, atraen ata a localidade a centos de veciños e visitantes. O pistoletazo de saída tivo lugar este mércores coa lectura do pregón, a cargo da actriz Bibiana Fernández, que espertou as simpatías dos moitos ribeireses que se concentraron na praza do concello para asistir ó acto inaugural dos festexos.
A elección de Bibiana Fernández como pregoeira das festas de Ribeira non puido ser máis acertada. Os veciños da vila barbanzá fixeron gala de toda a súa amabilidade para dar a benvida á artista que recibiu numerosas mostras de cariño por parte dos asistentes. Bibiana soubo agradecelas destacando durante a lectura do pregón a gran honra e responsabilidade que representaba da-lo pistoletazo de saída das festas ribeiresas. Referiuse tamén á beleza da bisbarra barbanzá da que soamente tivo oportunidade de coñecer o parque natural de Corrubedo posto que a súa apretada axenda impediulle quedar máis días en Galicia aínda que comprometeuse a visitar Ribeira novamente en setembro.
Trala lectura do pregón, o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer procedeu á coronación da raíña das festas mentres que a pregoeira foi a encargada de entrega-las bandas ás damas de honra.
Con anterioridade, Bibiana Fernández mantivo un encontro cos medios de comunicación no que fixo un repaso pola súa traxectoria persoal e profesional. Polo momento, a actriz non ten ningún proxecto en cine a curto prazo aínda que segue a realizar colaboracións en televisión e un extenso traballo en teatro, un medio que segundo ela é o que lle da máis satisfaccións como artista. Aínda así, a actriz non se decanta por ningún dos campos profesionais que ten tocado, que son case todos, posto que en cada un deles viviu experiencias enriquecedoras.
Pero sen dúbida, para esta artista nacida en Tánger, criada en Málaga e afincada en Madrid, o máis importante da súa profesión é o cariño da xente que non valora unicamente a valía profesional senón que supón un recoñecemento da calidade humana. De seguro que Bibiana Fernández non esquecerá facilmente o seu paso por Ribeira de onde se levou consigo unha boa dose dese cariño que tanto lle gusta.
Redacción Barbanza










