O Hotel Pesquería do Tambre pechará esta fin de semana ó quedar incomunicado por mor do rali de Noia

NOIA> O Hotel de Natureza Pesquería do Tambre viuse abocado a pechar as súas portas esta fin de semana. A razón é o corte da única estrada que dá acceso ó complexo durante toda a tarde do sábado por mor da celebración do Rali de Noia.

Sen previo aviso e a través dos carteis informativos colgados na estrada . Así se enteraba a directora do Hotel Pesquería do Tambre de que o único acceso ás instalacións permanecería pechado durante a tarde do sábado, entre as tres e media da tarde e as dez da noite, por mor do Rali de Noia.

Ante esta situación, non lle quedou máis remedio que avisar ós clientes que optaron por cancelar as súas reservas. Ás perdas derivadas do aloxamento súmanse as do servizo de cafetería e terraza que rexistran gran afluencia de visitantes posto que o hotel emprázase nun entorno idílico frecuentado por pescadores e camiñantes. Así, as cousas a dirección optou por pechar a fin de semana e mandar o persoal a casa.

Olga entende que a organización do rali debería ter contactado con ela para buscar unha solución alternativa que evitase que o hotel quedase incomunicado durante tantas horas. Lembra que xa nunha pasada edición na que o rali tamen pasaba por este treito tiveron que facer fronte a numerosas complicacións.

Pola súa banda, dende a escudería Berberecho, organizadora do Rali, explicaron que tentaron avisar á dirección do hotel achegándose ata en tres ocasións nas que atoparon as instalacións pechadas.Unha vez contactaron e conscientes dos prexuízos que podían ocasionarlle, ofrecéronlle a posibilidade de aboarlle parte das perdas ocasionadas polas cancelacións.

Tamén propuxeron a alternativa facilitar o paso de clientes ou traballadores entre pasada e pasada do rali, guiados polos membros da organización. Lamentan a postura da dirección do hotel que, din, declinou todas calquera solución posible.