BARBANZA> Novidades na convocatoria de axudas ás confrarías que vén de aprobar a Xunta. Inclúen este ano a implantación dun sistema de xeolocalización que permite unha mellor coordinación e maior seguridade para os vixilantes.
A Consellería do Mar vén de publicar a orde de axudas para proxectos colectivos de recuperación da biodiversidade mariña e fomento da sensibilización ambiental.
Esta convocatoria, dirixida a confrarías e agrupacións de produtores, inclúe unha importante novidade: a implantación dun sistema de xeolocalización para os vixilantes das confrarías. Cada un levará un dispositivo que permitirá facer un seguimento real do traballo e dispoñer dun histórico da actividade.
Esta medida que xa foi trasladada ás diferentes federacións de confrarías permitirá mellorar a coordinación entre os efectivos de vixilancia ó tempo que se lles dota de máis seguridade.
A Xunta de Galicia destina a esta convocatoria cinco millóns de euros, repartidos en dúas anualidades. As solicitudes poderán presentarse unha vez finalizado estado de alarma. O prazo estará aberto un mes.